mércores, 21 de xuño de 2017

Visita sorpresa

É frecuente que o seu nome saia nas clases de Educación Física. 
Pensamos moito en ela cando vemos este vídeo.


E témola presente non só porque sexa unha grande deportista,  nin porque sexa de Vilariño, nin porque nos guste chulearnos de que a nonseicantas veces campiona de Galicia, España e Subcampeona do mundo de Piragüismo estudara no noso cole.
Falamos moito dela porque é un exemplo para tod@s nós de como con esforzo podes chegar tan lonxe como soñes.

E de como podes chegar tan lonxe como soñes e seguir sendo unha persoa estupenda.

O seu camiño non é doado. 
Practica un deporte minoritario (no que Galicia é toda unha potencia, por certo), e elixíu unha especialidade, a canoa, vetada ás mulleres ata hai ben pouco (será olímpica por primeira vez en Tokio 2020).

Pero aí está: comezou dando as súas primeiras paladas no Umia e agora vive en Sevilla, concentrada coa selección española.

De quen falamos???
De quen vai ser?: de María Pérez Aragunde, a nosa María.

María na súa canoa. Remando cara Tokio.

Medalla de prata no mundial!!!

Moitas veces pedímoslle que viñera a visitarnos, pero co seu plan de adestramento é complicado. Cando nós estamos no cole ela está paleando Guadalquivir arriba, Guadalquivir abaixo.

Imaxinade que marabillosa sorpresa cando a vin entrar pola porta.
- Ola profe!
- María, que fas aqui??? Como non avisaches!!! Queríamos facerche unha entrevista, unha homenaxe, un.... unha... que sei eu! Un monumento!!!!
- Vin pasar uns días a casa e vin saudar antes de ir adestrar. 
- 💗

Ese é o prezo: non parar.

E María, a campiona, a nosa María, estivo falando cos nenos e nenas de 5º.


- E que tal é vivir en Sevilla? Moita calor?
- Bufff, adestramos moi cedo pola mañá e cando cae o sol. Pola tarde non saio da habitación e quedo alí lendo.
- Como levas os estudos?
- Vou ao instituto en réxime semipresencial, teño que estudar moito, pero van moi ben.
- Pensaches que queres estudar?
- Enxeñería aeroespacial ou enfermería
(e digo eu que pode ser unha enfermeira no espazo...) 😜

- Cales son os teus próximos retos deportivos?
- O máis importante, pasar os selectivos para a olimpiada de Tokio.

(Olimpiada de Tokio..... todo o que eu aspirei a ser olímpica na vida foi participar como voluntaria en Barcelona 92...)

- Tés axuda económica para vivir alá, adestrar e competir?
-  A federación paga estancia e comida. O resto, os meus pais. Apóianme totalmente. Miña nai non tiña claro o de que marchara tan lonxe... pero agora veme feliz e está contenta.
Nalgunhas competicións, a federación paga os desplazamentos, noutras son as propias deportistas quenes deben facer fronte a todos os gastos.
- Como te sintes cando compites?
- Ao principio púñame moi nerviosa, agora disfruto moito.
- Sabes que no cole seguimos os teus pasos e estamos moi orgullos@s de ti?
- 😊

Foi moito máis longa e interesante a conversa, pero pillounos tan de sorpresa que nin gravamos nada. E eso que o equipo técnico de 2º sempre está alerta!!!

Xa a pillaremos con máis tempo....


Logo baixou ao ximnasio, onde xogou mil veces durante os anos que estivo en Vilariño.
Por facer unha broma, presenteina como unha nova profe de Educación Física, e ela meteuse rapidamente no papel. E de paso, meteu a tod@s @s nen@s de 1º no peto.

Profe Bea, podes xubilarte tranquila. Quedamos en boas mans.

Cando contamos a verdade, María respondeu pacientemente a unha nova rolda de prensa.

Que queredes empezar a piragüear? Pois tendes clubes en Ribadumia, Cambados, a Arousa... Será por oportunidades!


Xogou con nós unha partida de brilé
  
 Se é María quen me brila.... eu ata me deixo!

E antes de marchar a adestrar (en bici) tirou unhas fotos con nós.


Velliñas, novas e noviñas xeracións de Vilariño


O venres voará de novo a Sevilla (que para a bici queda un chisquiño lonxe). E seguirá Guadalquivir arriba, Guadalquivir abaixo. 
Cada día.
Entre catro e sete horas cada xornada.
E chegará a Tokio. 
E choraremos de emoción véndoa no podio.
Ou pode que nada deso pase......
Sexa o que sexa.... queréremola e seguiremos os seus pasos.
Porque é María Pérez Aragunde (quedádevos con ese nome).
A NOSA María.


Orgullosísima, sempre, do noso alumnado:
A profe Bea








1 comentario:

  1. María gran deportista e millor persoa.O seu esforzo a levará ao máis alto.Moita sorte.Nótase que en Vilariño eres moi querida.Bicos.

    ResponderEliminar